Saturday 04 de May de 2024

O PSOE da Coruña defende no Citius de Santiago os investimentos do Goberno de Pedro Sánchez, “que cre na ciencia e na educación”


–Xosé Sánchez Bugallo e Obdulia Taboadela, candidatos respectivamente ao Senado e ao Congreso na provincia da Coruña, visitaron esta institución dependente da USC

Xosé Sánchez Bugallo, candidato número 1 ao Senado polo PSdeG-PSOE da Coruña, e Obdulia Taboadela, candidata número 2 ao Congreso por esta mesma formación, visitaron o Centro singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela.

Bugallo sinalou que “o futuro da nosa sociedade está vinculado sen ningunha dúbida ás novas tecnoloxías, a innovación e ao emprendemento, e estes foron elementos absolutamente apoiados polo Goberno de Pedro Sánchez”.
“Nese sentido, a xestión dos fondos europeos resultou absolutamente fundamental para financiar o desenvolvemento da nova economía deste páis para garantir o futuro das novas xeracións”, reivindicou o candidato.

O tamén exalcalde da cidade destacou que o CITIUS é “un dos centros de referencia para Galicia e para España en novas tecnoloxías e en intelixencia artificial”. O centro “está servindo para garantir o futuro de xoves galegos e galegas que poden construír o seu futuro na nosa terra, e para fomentar a competitividade do tecido empresarial de Galicia”, engadiu.

Pola súa banda, Obdulia Taboadela sinalou que a labor do CiTIUS resulta “de enorme axuda para a investigación en intelixencia artifical, chips, mobilidade eléctrica”. Tamén “na nova economía da lingua, para que se estude e se faga ciencia en galego e nas demais linguas cooficiais”, destacou.
“Celebramos todo o que ten que ver con estes investimentos, que veñen da man dun Goberno progresista, que cre na ciencia, que cre na educación”, sinalou Taboadela. Porén, a socialista advertiu de que “todo isto está en peligro pola ameaza de que a dereita e a extrema dereita poidan chegar ao Goberno”.